sábado, 3 de novembro de 2012

Partenón de Atenas.



Identificación.

Título: Partenón de Atenas.
Autor: Ictinos e Calícrates como arquitectos, e Fidias como organizados do programa escultórico.
Tipoloxía: Templo de Grecia Antiga.
Cronoloxía da Obra:  447 ó 432 a. C.
Localización: Acrópole de Atenas, menos una serie de esculturas (métopas, friso e frontón) que se atopan no Museo Británico.
Cultura: Grecia Antiga.
Período:  Período Clásico.

Análise Formal.

Temática: Templo en honor da Deusa Palas Atenea.
Material: Mármore do monte Pantélico.
Dimensións: Posúe 69.5 metros de longo, 30.9 metros de ancho, e as columnas posúen unha altura de 10.4 metros.

Características.

O templo esta conmemorado a Deusa Palas Atenea. O nome de Partenón proven dunha das estancias do edificio, o “parthenos”, Adyton onde se gardaba as ofrendas e tesouros para a divindade. O templo foi construído na Acrópoles de Atenas para substituír a un antigo templo, que fora destruído durante a II Guerra Médica. Este coñecese co nome de Pre-Partenón ou Hecatopedón, do cal se conserva apenas información.
Despois da vitoria dos Gregos sobre os Persas produciuse o ascenso da Polis de Atenas, grazas a súa posición preponderante durante a Guerra e a conformación da Liga de Delos, da cal Atenas era a súa dirixente. Todo isto permitiulle erixirse como unha das máximas Polis dentro do mundo helenístico, e para potenciar esa consideración a Polis decidiu reconstruír a Acrópoles, cun gran programa urbanístico, que manifestase a grandiosidade de Atenas. O gran impulsor deste programa urbanístico foi Pericles, estrategos da cidade, que costeou as obras grazas ó tesouro da Liga de Delos. O obxectivo de Pericles era que esta acrópole servira para conmemorar a vitoria sobre os Persas e darlle grazas a Deusa Palas Atenea pola súa protección e respaldo na guerra; pero sobre todo como parte dun programa político que reforzará a súa propia posición dentro de Atenas e engrandecer a propia Polis. O obxectivo de Pericles era facer o templo máis fermoso e grandioso de todo o mundo grego, servindo o mesmo templo de emblema da cidade de Atenas, ratificando a posición de Atenas como a principal Polis do Mundo Helénico. Para potenciar esta grandiosidade, non so potenciou a reconstrución do antigo tempo, senón que se organizou todo un programa urbanístico, coa construción de toda unha serie de edificios (o Erecteion, templo de Atenea Nike, etc.), pero destacou especialmente a construción dunha entrada monumental, coñecido co nome de Propileos.
O programa arquitectónico foi encomendado a Fidias, que organizou gran parte do programa, aínda que se centrou no programa escultórico. No caso concreto do Partenón o elemento arquitectónico foi encomendado a Ictinos e Calícrates, mentres que Fidias encargouse da elaboración do programa escultórico da obra. Na elaboración do edificio non se reparou en gastos, e todo o edificio foi realizado en mármore branco procedente do Monte Pantélico, un dos mármores máis valiosos da zona pola súa calidade. As obras do Partenón foron realizadas entre o 447 e o 432 a. C., aínda que todo o programa ideado para a Acrópoles por Pericles e Fidias, non se puido completar.
A evolución do edificio variou o longo do tempo, pasando a ser unha igrexa cristiá (ortodoxa e latina), e unha mesquita musulmá despois da conquista por parte do Imperio Otomán. Desafortunadamente no ano 1687 foi usado como almacén de pólvora durante o Asedio Veneciano (Guerra entre o Imperio Otomán e os Venecianos), onde acabou estoupando por motivo dun canonazo. Ata ese momento a conservación do templo era bastante boa, pero isto foi un dos detonantes do actual estado do edificio. Outro dos elementos que propiciaron a destrución do tempo foi a labor do embaixador británico en Constantinopla Lord Elgin, que conseguiu o permiso do Sultán para retirar a maior parte das esculturas. Estas foron trasladas a Londres e instaladas no Museo Británico. Conseguiu axenciarse a maior parte das esculturas que sobreviviron do frontón, das métopas e do friso. O obxectivo do embaixador era protexer a esculturas do espolio e permitir unha mellor conservación. Motivo polo cal o Museo Británico segue conservando na actualidade estas esculturas.
O Partenón sintetiza as características fundamentais da arquitectura grega pola adecuación entre a forma arquitectónica e a súa función e pola simplicidade das formas. Esta é unha arquitectura cunha alta calidade técnica e co dominio dos tratamentos dos diferentes materiais. Os gregos valoran a proporcionalidade e isto é un bo exemplo do que acontece no Partenón , onde tódalas súas partes están proporcionadas e medidas con precisión. O templo foi deseñado para ser visto dende a súa diagonal, pero o mesmo tempo para que o espectador o rodase e o vese por tódolos seus lados. Foi situado na zona máis alta da meseta da acrópole para que se puidese admirar dende calquera punto da acrópole, e incluso dende a maior parte da Polis de Atenas. Parece que sexa máis que unha obra arquitectónica, chegando a verse dende lonxe como unha escultura dun gran museo o aire libre.
O templo, como é normal dentro do mundo Grego, non foi feito para servir como lugar de culto, senón como un lugar sagrado, onde se conserva a imaxe da divindade, así como de almacén para gardar as ofrendas e os tesouros da divindade.
O Partenón é un templo dórico, que mostra unha planta rectangular, que se divide en catro estancias: pronaos, naos, opistodomos e adyton.
A Naos ou Cella e a estancia principal, onde se conservaba a estatua criselefantina de Palas Atenea realizada por Fidias. Esta naos estaba dividida en tres naves separadas por columnas dóricas colocadas en dous niveis, que rodeaban a estatua criselefantina. A esta estancia accedíase polo Pronaos, colocado na entrada principal.
No caso do Adyton ou Partenos era unha sala dividida en tres naves por dúas filas de columnas xónicas. Isto non é o modelo clásico dos templos gregos, pero en cambio é moi habitual que nun mesmo templo aparezan columnas dentro dun mesmo edificio. Neste caso e para soster o teito e non recargar a estancia con dúas fileiras de columnas, como acontece na Naos. As columnas xónicas son máis alta, e iso non fai necesario que se necesite dúas fileiras. Nesta estancia atopamos un lugar onde se gardaban as ofrendas a divindade e o seu tesouro.
Este templo dórico, pese a ten pequenas variantes, considerase como un dos modelos ideais, e un modelo a seguir polos sucesivos arquitectos. O templo asentase sobre un Krepidoma, dividido en: estilóbata, composta polo chanzo superior, onde se asentan as columnas; e a estereóbata, formado por dous chanzos inferiores.
O templo ademais pode definirse como octástilo, presenta oito columnas no seu lado menor, mentres que no seu lado maior ten 17 columnas. Isto é unha constante nos templos gregos, onde se establece unha proporción de o dobre máis un no lado maior. O mesmo tempo, podemos definir o templo como períptero (existe un sistema de columnas que rodea todo o templo) e anfriprostilo (xa que posúe un pórtico simétrico en cada un dos seus lados menores).
Por riba dese Krepidoma colócanse as columnas dóricas, sobre o cal se coloca un entaboamento dórico, composto por un arquitrabe liso. Sobre este arquitrabe colocase un friso dividido en tríglifos e métopas con diferentes temas, que analizaremos máis tarde. Por riba presentase unha cornixa, que da acceso a uns frontóns nos lados menores. Pero unha das peculiaridades deste edificio é que atopamos un friso xónico no interior do perístilo. Este friso percorre o muro exterior dos muros do Pronaos, Naos, Adyton e Opistodomos. Neste caso este presenta un friso corrido cun alto relevo no que describe a procesión das Panateneas, do que falaremos máis tarde máis polo miúdo.
Seguindo coa arquitectura vemos como o edificio presenta toda unha serie de axustes ou adaptacións ópticas para corrixir as deformación producidas polo ollo humano. Isto é un intento de achegarse a perfección de beleza ideal dentro da arquitectura. O ollo humano deforma a realidade das liñas rectas, cousa que debe ir en contra do ideal de perfección. Por iso os gregos atoparon unha solución moi sinxela, na súa teoría, pero moi complexa na súa realización. Este sistema leva a que todo o edifico presenta un lixeiro abovedamento ou sutil curvatura que o ollo humano identifica como unha recta. Aínda que podemos ver os seguintes puntos:
         O fuste da columna presenta un lixeiro abovedamento (éntase) na súa parte central.
         Maior grosor e separación das columnas laterais na fachada.
         Unha lixeira curvatura de tódolos elementos horizontais, incluíndo a estilóbata e a estereóbata.
         Lixeira inclinación das columnas cara o interior do edificio.
Este edificio constrúese con sillares, que son encaixados por un sistema de grampas moi sinxelo. Isto fai innecesario o uso de argamasa para fixar os sillares. Estas grampas , en realidades son abrazadeiras en forma de “T” dobre, que permiten fixar os sillares a medida que se vai construíndo o edificio, e quedaban ocultas a visión do espectador unha vez finalizado o edificio.
O complexo escultórico.
No ámbito escultórico a principal labor foi levada a cabo por Fidias, que organizou un complexo e maxestosos programa dividido entre un gran número de escultores ó seu cargo. Fidias é considerado tradicionalmente como o paradigma do Clasicismo, tanto pola súa actividade como escultor, pintor, orfebre, arquitecto ou director das obras de restauración da Acrópole. Foi un dos grandes artistas que configura o ideal de beleza, o crear un mundo de representación plásticas perfectas e cheas de equilibrio expresivo.
Tradicionalmente considerase que non conservamos, propiamente dito, unha obra de Fidias, xa que el non realizou exactamente ningunha das obras que conservamos do Partenón. El foi máis ben o encargado de confeccionar o programa iconográfico e a organización dos traballadores. Pese o cal podemos dicir, que todas teñen parte del. Formalmente as esculturas conservan unha imaxinación plástica sen par. As figuras masculinas semellan auténticos seres humanos espidos; mentres que as figuras femininas, grazas a habilidade para confeccionar as roupas, mostran un gran realismo e amplitude grazas a “técnica dos panos mollados”, que fan resaltar a figura humana. Isto permitiulle acentuar aínda máis esa naturalidade. Esta técnica consiste na confección dunha escultura onde os panos ou roupas estaban pegados os corpos, dando a sensación de que a roupa esta mollada e pegase a pel, transmitíndonos os volumes do corpo humano.
Sen ningún lugar a dubida a gran obra do Partenón era a grandiosa escultura criselefantina de Palas Atenea que se atopaba na Naos. Esta era unha estatua grandiosa, que tería arredor de 12 metros de altura (cun pedestal de metro e medio). Esta estatua estaba realizada cun armazón interior de madeira, sobre o que se colocaban unha estrutura de marfil para representar os elementos humanos e outra de outro para representar as roupas e armas da divindade. Desgraciadamente non se conserva nada dela, salvo algunhas representacións en moedas ou pequenas imitación antigas dun tamaño máis pequeno.
Os Frontóns.
O conxunto escultórico mellor conservado correspondese coas esculturas que se atopaban nos frontóns, e que agora conservamos no Museo Británico. Das 40 esculturas que orixinalmente estaban colocadas nos frontóns apenas conservamos 11 (e desas so dúas se atopan in situ). Estes frontón componse de dúas escenas principais:
1.       No Frontón Leste (entrada principal do edificio) atopábase o “Nacemento da Deusa Atenea”.
Neste frontón representase un homenaxe a divindade e nela reprodúcese o nacemento de Atenea dende a cabeza de Zeus, ante a presenza dos principais deuses do panteón helénico. Fidias transmite nesta escena unha estética grandiosa e gloriosa, na que a esquerda comeza coa irrupción do carro de Helios, personificación do sol saíndo; mentres que na dereita vemos como se representa a Selene, personificación da lúa, que se oculta en Océano. No medio atopamos a representación da asemblea de deuses que presencian o acontecemento, e unha representación alegórica do pobo de Atenas.
No lado esquerdo, o lado da figura de Helios, aparece representado unha figura masculina tendida sobre unha tea e unha pel, que se identifica con Dioniso. Este home espido ten a mirada perdida cara Helios, e ten unha mirada absorta. Dentro de esta figura hai un gran naturalismo e unha concepción moi filosófica sobre a divindade. Dioniso é unha divindade acostumada a vida nocturna e a trasnoitar, por iso o programa intenta plasmalo dentro desa orbita de pensamento: como unha figura que percibe relaxadamente o solpor como o fin dunha etapa.
Algo similar atopamos no lado dereito coa figura que aparece recostada e mirando a Selene. Neste caso é Afrodita, a deusa da beleza e do amor. Pese a que a escultura na actualidade carece de cabeza, debido o paso do tempo, podemos facernos cargo da súa beleza. No caso de Afrodita vemos como espera co calma a chegada da noite para desenvolver a súa labor amorosa. Unha das peculiaridades desta figura é que se atopa recostada sobre Artemisa, que viste un Chitón, que deixa o aire un peito, e coas pernas cubertas por un magnifico manto. O lado destas dúas figura aparece Leto (nai de Artemisa e Apolo), e o outro lado de Leto a figura de Apolo.
No lado oposto atopamos outro grupo de figuras femininas, nas que aparecen representadas Deméter e Koré, que comentan alegremente as noticias que traídas por Iris. A figura de Iris representa un dos grandes incentivos desta composición, xa que presenta unha gran orixinalidade e valentía na composición e da técnica. Iris aparece cun manto despregado ás súas costas, que se representa como unha vela. Iso obrigou a que escultura estivera sobre un plinto, e reforzada con grampas e varas de suxeición. Pero a posición e a postura da escultura ofrece un incipiente movemento a figura e una beleza sen igual.
O resto do frontón esta desafortunadamente desaparecido pola destrución ocasionada polo home e os elementos. Suponse, polas referencias clásicas, e por certos achadegos nos restos do museo de Atenas, que a figura de Zeus estaba entronizado e de fronte cara o espectador. O seu lado estaría a deusa Atenea, saíndo despois do seu nacemento. Ningunha das figuras estaría situada exactamente no centro do frontón, rompendo así un dos conceptos de simetría, pero isto é unha suposición, xa que non existen probas claras. O lado de Zeus tamén aparecería Hera. Especulase coa existencia de Poseidón e Hades, pero non se pode demostrar completamente.
2.       No Frontón Oeste a “Loita entre Atenea e Poseidón por ser o Patrón e Protector de Atenas”.
Este reflexa unha escena mitolóxica segundo a cal Atenea e Poseidón dispútanse o privilexio de ser o dono e protector da Ática. Segundo esta lenda mitolóxica Atenea decidiu ofrecer a Ática unha oliveira, mentres que Poseidón ofreceu un cabalo ou un manancial de auga salgada (segundo as diferentes lendas). A decisión foi tomada por tomada por a asemblea de deuses. Tras unha complicada decisión foi elixida Atenea, que se converteu na protectora e matrona de Atenas.
O grupo central da composición esta formado por un esquema en “V”, moi propio dos esquemas clásicos deste período, que intenta acentuar o dinamismo da composición. O lado das figuras principais, Atenea e Poseidón, colócanse os seus carros e os seus aurigas e acompañantes. O lado de Atenea a primeira figura que aparece e Hermes, mentres que con Poseidón aparecen Anfitrie e Iris.  O resto de figuras son máis difíciles de interpretar, supoñendo que eran Daimóns, Xenios e personaxes míticos da Ática (Kreops, Erecteo, Herse, Aglauro e Pandros).
Novamente a figura máis salientable volve a ser a de Iris, que no seu torso aparece desenvolve un gran volume, potenciado pola técnica dos panos mollados de Fidias. A figura de Iris na que o vento pega na roupa, deixando translucir as súas características anatómicas.
Existe o mesmo tempo a personificación do río Ilissos, que aparece representado como un home espido, reclinado sobre o chan, a punto de xirar sobre si mesmo, apoiándose no brazo esquerdo. Esta é unha das figuras que se coloca nos vértices do frontón, e que enche o oco, cunha posición forzada.
As Métopas.
No caso das métopas atopamos unha situación de relatos de loitas mitolóxicas o longo de 92 métopas: Centauromaquia (no lado Sur), Guerra de Troia (no lado Norte), Amazonomaquia (no lado Oeste) e Xigantomaquia (no lado Leste). As métopas son representación realizadas dentro do friso exterior do edificio, nelas aparecen representacións escultóricas en alto relevo, que se van intercalando no friso entre tríglifos. Igual que pasa co resto dos elementos escultóricos do edificio presenta unha desigual calidade segundo a métopa, xa que cada unha é realizada por un escultor especifico. Moitas delas representan unha gran técnica e fermosura, pero noutras vese un trazo escultórico moito máis sinxelo. Incluso cada un dos temas escultóricos carecen de unidade de calidade. Desafortunadamente conservamos poucas das métopas, co cal non podemos facernos unha idea clara do conxunto escultórico, pero os textos que conservamos sobre os comentarios destas amosan unha gran calidade e beleza.
No caso da temática podemos ver os seguintes temas:
1.       Xigantomaquia. Este é un feito mitolóxico que ven como consecuencia da Titanomaquia, loita entre os Deuses e os Titáns. Despois da vitoria de Zeus sobre os Titáns, que foron encarcerados no Tártaro. Isto cabreou a Gaia, avoa de Zeus e nai dos Titáns. Motivo polo que crea os Xigantes (24 segundo as tradicións máis habituais), para enfrontarse a Zeus e liberar os Titáns. Segundo a predición dun oráculo, os deuses non poderían derrotar os xigantes, nin matalos, sen a axuda dun mortal do lado dos Deuses Olímpicos. Motivo polo cal Zeus buscou a axuda de Heracles, que consegue pola intermediación de Atenea. A vitoria dos deuses olímpicos conclúe a historia.
2.       Centauromaquia. A loita entre Lápitas e Centauros é outros dos episodios míticos que se representa no Friso. Os centauros son unhas criaturas mitolóxicas, que posuían o corpo dun cabalo e o torso e cabeza dun ser humano. Eran criaturas que vivían en Tesalia. Estes eran considerados na maioría das ocasións como criaturas sen leis, que non coñecían a hospitalidade e salvaxes de por si. O seu conflito cos Lápitas foi como consecuencia do rapto de Hipodamia na súa voda con Pirintoo, rei dos Lápitas. A loita entre estes dous grupos decantase polo lado dos Lápitas, grazas a intervención de Teseo polo seu lado.
3.       Guerra de Troia. O feito da Guerra de Troia simboliza un dos episodios mitolóxicos máis coñecidos. Nel relatase a loita entre os aqueos (os gregos) e os troianos (habitantes dunha cidade oriental) relatada por Homero. O acontecemento de esta guerra veu como consecuencia da rapto de Helena, esposa de Menelao, que marchara con París (Príncipe de Troia). Isto levou a unha longa guerra que duraría máis de dez anos, onde Menelao contou co auxilio de todo o pobo dos aqueos. A historia narra un fabulo viaxe ata Troia, e un asedio que durou por máis de dez anos. So se conseguiu a vitoria tras unha estrataxema organizada por Odiseo, creando o famosos “cabalo de Troia”, que permitiu os aqueos entrar na cidade e que acabou coa destrución de Troia.
4.       Amazonomaquia. As amazonas son na mitoloxía grega un pobo mítico rexido por mulleres guerreiras. Era un pobo que vivía máis aló dos pobos escitas (na Península de Anatolia). Elas representaban unha sociedade allea a tódolos principios básicos da sociedade grega: negábaselle os homes residir nos seu reino, as mulleres rexían a sociedade e eran guerreiras e cazadoras, realizaban expedicións militares contra os pobos gregos, etc. Estas aparecen representadas en moitas das loitas que levaron a cabo os grandes heroes mitolóxicos gregos (Heracles, Teseo, Aquiles, etc.) e incluso participaron na loita da Guerra de Troia.
Pese a que cada unha das representación temáticas son diferentes, teñen un lazo de cohesión interna entre todas. Todos estes temas representan simbolicamente a loita entre os gregos e os persas, que se deu durante as Guerras Médicas. O Persas son o símbolo do salvaxismo, da barbarie e do mundo oposto a razón dos gregos, e os gregos son os pobos civilizados que simbolizan a orde e o equilibrio. Son os gregos os que vencen, debido a que eles responden a un espírito de liberdade e os principios da Polis. Os persas son representados como as amazonas, os xigantes, os troianos e os centauros.
O Friso Xónico.

O friso xónico  posúe unha lonxitude de 160 metros, e esta esculpida nunha banda de 1,05 metros. A escultura é un baixo relevo de gran calidade estética e compositiva. Este friso representa dunha maneira maxestosa unha representación da procesión das Panateneas de Atenas, onde todo o pobo de Atenas conmemora unha festividade a súa deusa matrona e protectora. Existen dúas modalidade de celebración das Panateneas, una realizada cada catro anos onde toda a cidade celebra unha das grandes festividades de toda a Hélade, onde se celebran xogos, toda unha serie de sacrificios e celebracións rituais; pero onde destaca especialmente a procesión, na que se lle entrega a deusa un “peplo” (un vestido longo sen mangas e con pregues escalonados). Logo hai a celebración das Panateneas anuais, onde a celebración e de menor custo e proporción. A cerimonia da procesión para a entrega do peplo era realizado o 28 de Xullo.
No caso deste friso, representase a celebración das grandes Panateneas, e relata pormenorizadamente as partes nas que se pode representar esta cerimonia. O centro da cerimonia era a entrega do Peplo por parte das Canéforas (mozas virxes atenienses que ían a pedirlle permiso a Atenea para o seu matrimonio), que elas mesmas confeccionaran durante ese ano. Estas acostumaban ser as fillas das familias máis prominentes de Atenas, e a súa participación indicaba un gran honor para a súa propia familia. A procesión realizaba un viaxe entre o centro da agora de Atenas ata a Acrópole. Ademais na cerimonia participaba toda unha serie de personalidades da cidade entre os que nos atopamos: sacerdotes, anciáns portando ramas de oliveira, hoplitas vestidos coa súa armadura, os vencedores dos xogos, os embaixadores das principais colonias atenienses, as principais figuras da cidade e, nunha posición subordinada, os grandes metecos. O mesmo tempo na cerimonia aparecen toda unha serie de animais destinados o sacrificio.
Fidias realizou unha representación con gran exactitude da cerimonia, que era realizada durante a realización do friso (447-438 a. C.). A procesión iniciase na fachada occidental e avanza en dúas fileiras polas fachadas Norte e Sur, para rematar na fachada oriental, onde se representa unha asemblea de deuses que admiran os sacrificios realizados a Atenea polos atenienses.
Na fachada occidental atopamos unha representación dos preparativos para a cerimonia, onde podemos ver as diferentes figuras preparanse para a realización da procesión: as mulleres se arranxan, os animais son preparados para o sacrificio, etc. Polos lados Norte e Sur aparecen os cabalos en formación, seguidos polos carros e os hoplitas. Por diante se dispoñen as persoas que van a pe: os anciáns con ramas de oliveira, os músicos, os mozos con vituallas, etc. Encabezando esta comitiva atopamos as portadoras do Peplo e os sacerdotes. Na zona oriental aparece a Asemblea de Deuses, na que destaca Atenea recibindo o Peplo e os sacrificios que lle da a cidade de Atenas.
A calidade do relevo é excepcional, pese a que foi ideado para ser colocado na zona peor iluminada e máis alta do templo. Para conseguir que os espectadores teñan a mellor visión, os bloques do friso estaban colocadas cunha lixeira inclinación cara fora.
Como en todo elemento escultórico deste edificio, a estrutura do friso presenta diferentes calidade, debida a que foi realizado por diferentes artistas, o que condiciona diferenzas estilísticas. Pero aínda así, pode verse certa cohesión e organización na elaboración do friso, para que non perda coherencia. Isto vese perfectamente na disposición das figuras en diferentes actitudes, en ocasións contrapostas rompen a posible monotonía do desfile. Ademais usa escenas cotiáns para reforzar un pouco o naturalismo. 


                                                      *             *             *

A modo de anécdota ver como existen varios intentos de facer copias do Partenón, das cales a máis lograda foi a realizada en Nashville (Tennessee, Estados Unidos). Este foi unha replica a tamaño real feita en honor do centenario da creación de Tennessee. Nesta celebración creáronse diferentes edificios da Antigüidade a tamaño natural, como por exemplo a pirámide de Exipto. Estas estruturas foron realizadas en materiais baratos e fáciles de montar (ladrillo, xeso, madeira, etc.), pero a gran repercusión do Partenón fixo que despois do centenario se tirara e se reconstruíse en formigón e recuberto con lousas de pedra. Para isto o seu arquitecto, Alan LeQuire, realizou un estudo dos coñecementos sobre o Partenón e visitou o Museo Británico (onde fixo moldes de xeso das estatuas orixinais) e a acrópole de Atenas. Incluso fixo unha copia a tamaño real da estatua criselefantina de Palas Atenea.